A igrexa de San Pedro de Bembibre é unha igrexa románica da parroquia de Bembibre, no concello de Taboada (provincia de Lugo). É o máis destacado exemplo de arquitectura románica do concello de Taboada, tanto pola súa monumentalidade como polo seu estado de conservación. Está declarada Ben de Interese Cultural.
A inscrición na porta lateral indica que foi erguida no ano 1229 da era hispánica, polo que a data correcta é a de 1191. Algunhas fontes indican que formaba parte dun complexo monástico hoxe desaparecido, cuxa pedra foi empregada para construír, no século XV, o pazo dos condes de San Pedro. Este templo estivo vinculado, igual que a parroquia e boa parte do concello, á familia dos Taboada, pola presenza do seu escudo no retablo e a titularidade do camiño que leva a ela dende o pazo, que é privada aínda que se emprega de forma totalmente pública.
O interior é sinxelo: a nave central está cuberta dun teito de madeira e a ábsida duna bóveda de canón e forno. Os muros constrúronse sobre un banco de pedra e cómpre destacar o púlpito, encravado no muro norte, semellante aos dos refectorios dos mosteiros. Na ábsida está o retablo barroco que data de 1701 e foi financiado polos condes de Taboada. Detrás deste e no muro norte hai unhas pinturas murais do século XVI descubertas durante os labores de restauración, pois foran recubertas de cal. A portada sur ten dobre arquivolta de medio punto e o arco menor decorado con motivos florais; os capiteis do lado esquerdo están ornamentados con decoracións vexetais, e os dereitos, con decoracións animais. Destes últimos, o capitel pertencente á arquivolta representa os mitolóxicos grifóns.
Sources: Wikipedia, OpenStreetMap, Wikidata, Wikimedia Commons
Written by Nik Frost
Discuss this with the author and others
No comments yet. Be the first to start the conversation.